Peña Irmandiños

 

Que o fútbol é un deporte de equipo é dos maiores tópicos que poden dicirse do mesmo, pero é certo. Certo para os que están no campo e para os que estamos na bancada, porque a súa dimensión social é ineludible. Todos, non importa se novos ou vellos, se ricos ou pobres, se calmos ou alporizados, preferimos disfrutar do deporte rei en boa compañía. Algúns tamén deciden dar outro paso e intentar aportar algo máis. Así, dunha mistura de paixón, iniciativa, e por qué non dicilo, certa inconsciencia, nacen as peñas.


O comezo da nosa é ben coñecido: A eliminatoria de ascenso contra o Granada, a rabia e o orgullo derivados dunha batalla durísima con final cruel que resultou ser o comezo dunha época fabulosa. A idea brotou nesa viaxe, foi asentándose nas semanas seguintes e cristalizou en agosto de 2011. Irmandiños reuniu a unha quinta de celtistas fieis pero espallados, e fixo de amalgama entre eles e moitos máis que decidiron achegarse. Foi un nacemento prometedor, axudado por moitas peñas amigas que nos recibiron de brazos abertos, como a todas as que xurdiron dende entón. Só un ano despóis a fe no equipo, que non sempre gratifica aos celtistas, sí foi recompensada e con creces: O ansiado retorno a Primeira División.


Nos anos seguintes acumuláronse partidos memorables, viaxes épicas, grandes amizades, esmorga da dura e en xeral tempadas cada vez mellores, tanto a nivel peña como no que atinxe ao Celta. En apenas tres anos pasamos de evitar o descenso de milagre a volver a Europa por todo o alto; de intentar xuntar unhas ducias de rapaces a consolidar un grupo de douscentos. Pero por enriba da cantidade, a calidade.


A primeira metade de 2017 foi o colofón en certo sentido, o teito deportivo do equipo e o inicio de cambios importantes para nós. A tempada 2017/18 supuxo a transición dende a nosa ubicación orixinal en Río Baixo ás bancadas de Marcador e Gol, onde naceu o proxecto que un ano despois, xa reunidos e de volta en Río, permitiu a tan desexada unión de peñas nunha bancada de animación: Siareiros Celta de Vigo, que en dúas temporadas confirmouse como un pulmón de Balaídos e coma a semente de algo grande pero que aínda pode e debe medrar máis.


Co 2020 chegou a pandemia de Covid-19, un golpe tremendo para todos. Custou (e aínda segue a custar) tantas vidas, empregos e plans que só pensalo arrepía. O fútbol non podía ser a excepción e a tempada foi interrumpida. A reanudación trouxo outro desenlace de infarto para o celtismo e o que é peor, a obriga de sufrilo na distancia. Sería unha frivolidade situar isto como unha prioridade nestes tempos, pero fora do estrictamente necesario para vivir están esas cousas que nos dan a vida, e a nosa viste de celeste. O xogo reanudouse, pero non o ritual. Precisamente en medio desta situación tan complicada foi cando atopamos cánto podemos botar en falta aos compañeiros, os cánticos, o bar, as bancadas, o céspede, as celebracións… Botamos de menos ao noso Celta e tamén ás nosas peñas.


Non hai xeito de saber cándo e cómo recuperaremos todas esas cousas, pero volverán. Probablemente haberá cambios, a sumarse aos xa vividos no tempo que levamos na lea. Nove anos despois a animación, a cor, a festa… seguen presentes, pero outros aspectos cambiaron, deixándonos un fútbol máis restrictivo, controlado e burocrático, algo que non pode casar peor coa paixón que é condición necesaria para a existencia dunha peña. Pero aquí seguimos, como tantos outros celtistas, ao pé do canón, ata certo punto reféns da nosa fidelidade ao escudo. Esas trabas non conseguiron botarnos, e tampouco este maldito virus o fará indefinidamente.


Volverá todo o bo desta tolemia nosa e tamén o malo, porque no seo dunha peña, como en toda boa familia, ás veces hai discusións, frustracións, cansanzo… pero hai dúas ideas que tódolos peñistas compartimos: O moito que paga a pena formar parte disto e o moito que devecemos por volver a xuntarnos. Porque (e pecho igual que comecei, cun tópico certo) isto é un xeito de vida.


Onte, hoxe e sempre Celta!!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

PEÑA SEMPRE PAHIÑO